Memorial Juanjo Amoedo
Do 12 ao 18 de maio do 2025

Sabes por que o teatro triunfa, por que a xente volveu ao teatro?
Peter Brook
Porque o teatro non é nada en particular. Trátase da vida. É a vida.
XXVI Festival Internacional de Títeres de Redondela. Memorial Juanjo Amoedo
do 12 ao 18 de maio 2025
Dende a Asociación Xente Titiriteira queremos informar de que o XXVI Festival Internacional de Títeres de Redondela. Memorial Juanjo Amoedo-2025, celebrarase do 12 ao 18 de maio.
A finais dos anos 90 Juanjo Amoedo como presidente da Asociación Veciñal de Redondela, iniciou os primeiros trámites necesarios para celebrar o primeiro Festival Internacional de Títeres de Redondela pero un lamentable accidente truncou os seus desexos.
Tras a súa morte, diferentes colectivos da vila xuntáronse e decidiron continuar coa idea inicial de Juanjo e fundaron a Asociación Xente Titiriteira co único obxectivo de celebrar un Festival de Títeres en memoria de Juanjo Amoedo.
No ano 2000 celébrase a primeira edición do Festival, aínda feita en pesetas, e con esas vimbias que lle deron unha estrutura organizativa e un posicionamento artístico cunha maxia que xa auguraba un evento cultural necesario.
Se pechamos os ollos aínda podemos ver esas primeiras edicións levadas a cabo con mimo e cuns equipos de traballo moi comprometidos, implantando o Festival como un referente.
Dende entón xa pasaron máis de 25 anos… agora temos por edición máis de 13 escenarios, 70 representacións, 30 compañías convidadas e cunha media de 40000 espectadores/as, converténdose no Festival máis importante de Galicia e nun dos mellores considerados do país.
Un acontecemento, un encontro, unha festa da diversidade que xa vén arroupada por un público interxeneracional onde os nenos/as que asistiron ás primeiras edicións levan agora aos seus fillos/as, nese ciclo vital que transcorre nun carto de século.
Só podemos dicir grazas.
Grazas ao público por asistir de maneira entusiasta en cada edición dándolle ese sentido cerimonial que ten a representación escénica.
Grazas a todos os equipos de traballo pola súa xenerosidade e o seu compromiso.
Grazas ao tecido comercial de Redondela por crer en nós.
Grazas ao Concello de Redondela por contribuír nesta andaina ano a ano.
Grazas a Deputación, Agadic e Ministerio de Cultura por crer neste proxecto.
Queremos presentar tamén o nosa simpática “serea”, a nova personaxe 2025 que vén ilustrar esta XXVI edición, creación do noso querido Pablo Pastor, que leva xa 26 anos dándolle ao Festival esa personalidade única.
Podemos confirmar xa a presenza de espectáculos e compañías chegadas das máis diversas procedenzas: Italia, Arxentina, Brasil, Chile, Portugal, Madrid, Cataluña, Andalucía, Aragón ou Galicia.
Este ano faremos unha programación especial de rúa os días 17 e 18 de maio.
O Festival Internacional de Títeres de Redondela. Memorial Juanjo Amoedo é o reflexo do esforzo colectivo dun pobo por difundir e gozar do Teatro de Títeres.
Luis Crespo
Director do Festival